Thursday 25 de April de 2024

A Xunta inxecta preto de un millón de euros na rehabilitación integral do instituto de Curtis


— Román Rodríguez salienta a importancia desta obra nun centro “que ten máis de 45 anos de antigüidade e que, como tal, precisa dunha renovación”

— O proxecto, que se licita hoxe, inclúe o revestimento das fachadas, a substitución da cuberta e dun total de 128 ventás para mellorar o confort e o consumo enerxético

— A previsión é que os traballos, de acordo coas directrices marcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, estean rematados o próximo curso

A Xunta de Galicia vai acometer a rehabilitación integral do instituto IES de Curtis, cunha inxección de preto de un millón de euros, tal e como informou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha visita ao centro para explicar o detalle das obras licitadas hoxe mesmo.

O titular de Educación do Goberno galego destacou a “importancia e envergadura” desta actuación nun centro que supera os 45 anos de antigüidade e que, como tal, “precisa dunha renovación que vai incidir directamente na mellora do confort e nun significativo aforro de consumo enerxético”. Para iso, actuarase nas fachadas, ás que se dotará dun novo revestimento exterior con SATE e instalación dun zócalo antihumidade na zona inferior, substituirase a cuberta de tella por outra de panel sándwich e cambiaranse as 128 ventás actuais por outras de aluminio con dobre cristal e illamento térmico.

Todas estas medidas combinadas permitirán acadar un aforro enerxético do 26% de media no conxunto do complexo educativo constituído por un edificio principal e os edificios de talleres e aulas. “Se temos en conta unicamente o edificio principal -especificou o conselleiro- , o aforro elévase ao 41%”.

Inicio de obra en abril
Así mesmo, Román Rodríguez avanzou que, unha vez concluídos os trámites administrativos, a previsión da Consellería é que os traballos, que teñen un prazo de execución de cinco meses, arranquen “en torno ao mes de abril, polo que se prevé que estean concluídas o vindeiro curso”.

Todas as actuacións vanse levar a cabo seguindo as especificidades marcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, a folla de ruta do Goberno galego para o deseño de centros educativos máis innovadores, sostibles e confortables.

Con esta obra, o investimento da Xunta en melloras de infraestruturas educativas no Concello de Curtis elévase a máis de 1,8M€ nos últimos anos. Ademais, no eido cultural, o conselleiro referiuse á rehabilitación, posta en valor e musealización da casa natal da artista María Antonia Dans. A Conselleira inviste máis de 367.000€ nesta obra que está previsto que conclúa neste primeiro trimestre.